Wednesday 01 de May de 2024

O Concello busca aos culpables dos actos vandálicos rexistrados o venres 8 na Finca da Silva en Bastiagueiro


As casas de préstamo para actos festivos, reunións familiares, festas de entidades e veciñas e veciños de Oleiros son un servizo que o concello pon a disposición da veciñanza de forma totalmente gratuíta coa fin de que teñan un espazo totalmente acondicionado para o lecer e o esparcemento. Actos vandálicos como os producidos o venres 8 de marzo, onde se racharon manetas de portas, inodoros, mobiliario e ata a barbacoa situada no xardín non se poden consentir.

O venres 8 de marzo unhas 40 persoas celebraron unha festa na Finca da Silva trala que se descubriron numerosos desperfectos por unha contía superior aos 3.000 euros. A persoa responsable que fixo a solicitude do espazo para a festa, non acudiu á mesma.

Durante o ano 2023 máis de 17.300 persoas utilizaron a instalación da Casa da Silva para diversas reunións sen que ocorrera ningún fenómeno como o relatado polo que o Concello fai un chamamento á colaboración, para que se responsabilice aos verdadeiros culpables dos feitos dos que son cómplices todas aquelas persoas que presenciaron os actos vandálicos e non denunciaron aos infractores.

“Paréceme gravísimo o acontecido. De 40 persoas que había na festa nos din que ninguén viu o que ocorreu, iso non o fixo só unha persoa e se o fixo, tivo que facer moitísimo barullo e unha gran desfeita como para que ninguén se enterara. De isto seguir así, verémonos na obriga de suspender o préstamo das casas para a celebración de actos e reunións” manifestou o alcalde Ángel García Seoane.